Porque un café ben vale un par horas de traballo, estiven fedellando nos datos do estudo 2783 do CIS (preelectoral das autonómicas galegas do 2009). Todos sabemos os problemas das enquisas antes das eleccións, e o que é máis importante, se as campañas tiveron algún resultado, é natural que as preelectorais teñan certos sesgos sistemáticos. Ademáis, no caso galego as enquisas do CIS tenden a sobre-estimar o voto ó PP: moitos votantes do PP non se declaran como tales (o que non está totalmente claro é que declaran: se minten ou se se declaran NS/NC. Aínda ninguén me convenceu de que é un problema da mostra). Por aquelo de evitar demasiadas orixinalidades, repetín os gráficos que xa fixera para as eleccións do 2005 pero sendo un chisco máis coidadoso.
En primeiro lugar, a posición outorgada a cada partido electoral por parte dos votantes dese partido nas dúas dimensións (nacionalista e ideolóxica). O gráfico repite en boa medida os resultados que xa coñeciamos. Non hai nada novo baixo o sol. O PP volve ser, para os votantes, un partido fundamentalmente de dereitas pero teñen menos claro eso de onde se localiza no espectro nacionalista e así aínda temos quen o considera un partido moi moderado e quen o considera absolutamente centralista. Quizais o único cambio se deba en que agora o PP ten un pouco máis de penetración na zona moderada da ideoloxía. Feijoo parece que tivo certo máis efecto nas posicións ideolóxicas ca nas nacionalistas. Lembremos que esta é a posición que lle outorgan os seus propios votantes: a diverxencia interna é moi rechamante. Con respecto ó PSOE si que non hai nada diferente. Para o BNG o maior cambio se debe se cadra á densidade no grupo de votantes que o localizan como nacionalista moderado. Vendo soamente o gráfico, o BNG se ten radicalizado, se ben non está claro que sexa un resultado estatísticamente sostible (esto comprobareino máis tarde).
Agora que temos localizados ós partidos, onde se ven os votantes? Pois aquí a cousa é máis divertida. No PP e no PSOE vemos exactamente o mesmo patrón que viamos no caso da localización dos partidos. No PP o partido é un partido bicéfalo e bicéfalos son os seus votantes. O PSOE ten votantes que se declaran moderados na escala nacionalista, pero aínda se ven polo xeral no centro do espectro, que é onde viamos ó partido. O único rechamante aquí é o feito de que tanto os votantes do PP como os do PSOE se consideran os posuidores do centro político nas dúas dimensións e únicamente un punto nunha escala de 9 fai toda a diferencia. Non deixa sen embargo de ser curiosa a repetición do patrón do PP aínda que con moita menos intensidade: o partido representa a votantes que se declaran na metade inferior da escala nacionalista, é dicir a nacionalistas moderados e a non-nacionalistas extremos. O do BNG é outra melodía: os seus votantes se consideran de esquerdas, si; tamén son nacionalistas, si, pero parecen selo menos que o partido, polo menos no sentido de que a maior parte dos seus votantes se localizan no 8 ou posicións máis moderadas, mentres que o 10 queda reservado para unha minoría. Vexámolo mellor no seguinte gráfico, que recolle a distancia percibida co partido nas dúas dimensións que estamos estudando (autoubicación – ubicación outorgada):
Temos abondosa literatura falándonos de sesgos de posicionamento pero en xeral non deberían ser grandes. Os casos do PSOE e do PP en Galicia son representativos desta situación. Os votantes se aliñan co partido na dimensión ideolóxica e consideran que o partido é un chisco máis nacionalista ca eles, pero as diferencias son case desprezables: o groso dos votantes orbita a non máis de 3 puntos en calquera dimensión da posición que lle outorgan ó partido. O máis curioso é, sen dúbida o feito de que a variación sexa maior na escala nacionalista que na ideolóxica pero non deixa de ser simétrica. O BNG respecta estas pautas pero si que é certo que a sua variabilidade é maior, con votantes que din localizarse ata a 4 puntos do partido na escala nacionalista. Un patrón semellante o atopamos nos outros dous partidos, pero o BNG presenta un grupo de votantes que non teñen unha representatividade perfecta nas dúas dimensións. É dicir, os que están afastados do PP ou o PSOE nunha dimensión, atópanse cómodos co partido na outra dimensión. Os votantes do BNG poden sen embargo ao seu partido demasiado á esquerda e é demasiado nacionalista ó mesmo tempo.
Non teño ningunha inquedanza sobre se os partidos “deberían moverse ou non” detrás dos seus votantes, pero si que me chama a atención a peculiar relación dos votantes do BNG co seu partido. O grupo que entende que o partido é máis radical que o votante nas dúas dimensións é dende logo o caladoiro electoral de calquera outra alternativa que ocupe o espacio da esquerda moderada nacionalista. O PSOE pode estar incapacitado por atacar ese segmento polo propio feito de que se trata dunha delegación dun partido nacional que ademáis, ten a chave da organización territorial do Estado e que agora mesmo está no goberno: a capacidade de manobra da súa marca en Galicia está por tanto seriamente restrinxida, a non ser que o PSdeG obteña unha independencia de facto de Ferraz, e máis importante, sexa quen de presentarse ó electorado como tal. En todo caso, cos resultados electorais na man, ese caladoiro non parece suficiente para gañar eleccións, e menos aínda agora que o BNG volve ser a terceira forza política (coa que é imprescindible contar en calquera nivel institucional para garantir a gobernabilidade).
As preguntas que me xorden neste caso son as naturais: como é compatible o primeiro gráfico con este terceiro? Como é sostible unha situación na que tódolos votantes se sinten representados pero sen embargo existe tal discrepancia na localización dos seus partidos de referencia. O caso do PP é verdadeiramente rechamante: todos os votantes están aliñados co partido, e sen embargo o partido representa posicións (5, 5) e (10, 1) ó mesmo tempo. Por suposto, as disonancias cognitivas son reducidas ó extremo por parte dos votantes, pero non deixa de ser particular a relación de representación que presenta o PP. Ante que votantes está sendo realmente accountable? Como é posible que tódolos seus votantes teñan razón na localización do partido? Como é posible a estabilidade a medio prazo desa estratexia? Pode que a presencia de TEGA ou UPyD poida alterar a relación votante-partido no caso do PP especialmente para o seu grupo de nacionalistas liberais, aínda que a compoñente estratéxica fai pouco razonable que en realidade se produza unha fuxida masiva de votantes cada algunha destas opcións políticas (por non falar de outras dimensións lonxitudinais á competición). En calquera caso, non deixa de ser un obxecto politolóxico dun enorme interese.
O outro extremo está representado polo BNG: os votantes recoñecen a posición do partido nunha esquina do espectro, pero non todos eles parecen sentirse cómodos con esa localización. Poida que esta disonancia entre partido e votantes sexa parte da explicación do castigo electoral ó BNG ou, en xeral ó bipartito, toda vez que no 2009 o electorado se enfrontou ás accións e non só ás promesas electorais dos frontistas.
O cleavage que parece realmente claro é o nacionalista. Os votantes non estan cómodos coas posicións adoptadas polos seus partidos en ningún dos tres casos e o que é máis interesante, a diverxencia na ubicación dos partidos nesa dimensión é realmente rechamante. Sería absurdo predicir unha fractura do sistema partidista ó longo da dimensión territorial a curto prazo, especialmente cando partidos como UPyD, que son quen poden acaparar votos no sector menos nacionalista do PSOE ou do PP, non teñen tido unha entrada demasiado clara no sistema político galego. En calquera caso, o partido si que conta cunha vantaxe clara para a competición: a súa indefinición no espectro ideolóxico. Os votantes de UPyD se localizan en ambos extremos da escala ideolóxica e eso lle pode permitir ó partido atacar os frontes caracterizados por un baixo nacionalismo dos dous grandes partidos nacionais. Que esa indefinición sexa posible tras, digamos, outros comicios electorais de primeira orde ou que os votantes se vaian mobilizar pola inconformidade na dimensión nacionalista (facendo sacrificios na dimensión ideolóxica é o que está menos claro).
Esta entrada foi publicada o Domingo, 5 Xullo 2009 ás 19:30 e está arquivada en ciencia política. Podes seguir as respostas a esta entrada mediante o feed RSS 2.0.
Podes deixar unha resposta, ou un trackback desde o teu sitio web.