Mudanza

24, Xullo, 2009

Antes de afacerme a este enderezo, e polas comodidades que me ofrece o servizo de Blogaliza, mudei este blog aló (non fun quen de copiar os comentarios que teño, así que lamentándoo moito, se perderán):

http://preguiza.blogaliza.org

Supoño que nun par de días pecharei esta páxina. Lamento as molestias.


Partidos políticos e democracia

23, Xullo, 2009

Cando era máis novo, o barrio no que vivían meus pais non tiña un lugar onde os rapaces puidesemos xogar á pelota. Para nós, o problema eran os arteiros que albiscaban un coche xusto nas xogadas cruciais para o outro equipo. Os nosos pais, sen embargo, non mostraban unha grande preocupación por este uso estratéxico do medo a ser atropelado no medio do noso improvisado estadio de fútbol. De feito, o seu terror se distribuia uniformemente ó longo de todo o encontro, mesmo en xogadas irrelevantes para o marcador final. Falta de confianza na nosa axilidade ou na habilidade do conductor, os nosos pais acabaron formando unha asociación de veciños e, con douscentos socios protestando dia e noite, o Concello optou por prepararnos todo un Maracaná afastado do tránsito urbán. A lección para min foi clara: duascentas persoas por separado son un fato de pais preocupados. Esas mesmas duascentas persoas coordinadas nunha asociación, son un instrumento letal electoralmente.

Se cadra foi aí que me convencín de que os partidos ou as asociacións políticas son unha parte ineludible de calquera proceso democrático. Sempre que organizarse permita obter cousas que nós sos non acadariamos, estou certo de que os partidos son algo co que imos ter que convivir. Para ser sincero, tampouco non lles teño reparo ningún e de feito, aínda como verdade establecida que é que os partidos son aquelarres de políticos, profesión que ningunha familia decente querería para o seu fillo, me tranquiliza a súa existencia. A idea de delegar neles, de facelos os meus representantes, me garante unha comodidade á que me costaría renunciar. A mesma comodidade que me supón non ter que facer do meu xardín unha horta, ou renunciar ó meu desexo de ter un gato por facerme cun curral. Tamén, se cadra porque desfruto dos políticos do mesmo xeito que os entomólogos das bolboretas, atopo os partidos un pasatempo insustituible aínda cando ás veces, ó escoitar a algunha destas delicadas criaturas, teño arrepíos se penso que toman decisións por min. Quero dicir, mentres eu teña unha certa idea de que farán co meu voto, os partidos me resultan un instrumento práctico. Eso mentres se manteñan leais ó seu programa electoral ou, xa como requerimento mínimo, a unha idea non necesariamente moi precisa do que farán se se lles presenta unha continxencia que non aparece no seu programa electoral, libro aburrido e que moitos de nós xa sabemos o que dirá mesmo sen lelo. Esa fe é o meu contracto co partido que escollo.

Os militantes son diferentes. Eles non teñen por que ter esa fe, e se cadra polo mesmo feito de ser militantes perderon xa non esa, mais calquera esperanza, relixiosa ou civil. Non me estrana. Se tivese que negociar cos meus compañeiros de despacho a estructura impositiva, perdería tres amigos. Se tivese que pactala con todo o andar, perdería calquera resquicio de confianza na humanidade, abandonaría a vida civilizada e me retiraría a calquera páramo. Xunguido ademais á impotencia de ser a obediente infantería da maquinaria política do partido, imaxino a experiencia de frustración que poden chegar a ser os congresos e as asembleas. De aí que vexa natural que a primeira demanda tras unha derrota electoral sexa a da democracia interna. Se cadra non cambia nada, pero a sensación de alivio de vingarse da cabeza dirixente ten que ser impagable. Albergo, non obstante, a sensación de que a frustración non cae rodando polos mesmos chanzos polos que baixa a cabeza do líder deposto: a firme convicción de que tropa e oficiais, bases e dirixentes, comen en estancias diferentes é íntima á experiencia partidista e, salvo unha ameaza permanente dunha coup d’etat, o novo líder, ese que agora saúda triunfante, será unha nova e inevitable decepción. Polo menos inevitable mentres o seu éxito, e o éxito do partido (porque nesto si comparten destino), dependa do apoio outorgado polos outros, polos de fóra: polos votantes.

Nesta relación entre compromisarios e executiva, o votante é se cadra o equivalente máis próximo ó amante entrometido. As máis seductoras miradas do líder, tódolos acenos de namorado, irán de contado dirixidos ós votantes, e o militante se verá facendo o posible por chamar de novo a atención do candidato que el mesmo escolleu, mendigando galanterías de quen el pensou que era a sua eterna parella de baile. Pero a desgraza para o militante non acaba nuns simples ciumes. O votante é un convidado imprescindible para o partido político no seu conxunto; sen el, o partido é simplemente unha asociación; con el, unha alternativa de goberno. O militante non ten máis remedio que aceptar ó votante na súa casa, abrirlle a porta por moita dor que lle ocasione. Desgraciadamente, os votantes adoran a ficción de unidade no partido: nunca tanta popularidade perdera o PP como cando Esperanza Aguirre se plantexou como alternativa no XVI Congreso; e poucos lembran derrotas electorais tan sangrantes para o PSOE como cando Josep Borrell e Joaquín Almunia pelexaban por ocupar a atención dos medios no 2000. A porta, por tanto, terá que ser aberta cun sorriso, sen chistar, sen que a súa benvida teña un cheiro a cinismo. Ideolóxica e executivamente, entra mesmo dentro da obriga dos xenerais partidistas, afastarse canto poidan das súas bases, ben porque llo demanden os seus posibles apoios electorais, ben porque así o fagan os seus posibles socios de goberno. Mentres “moderación” sexa a última noción que asociemos co membro medio das bases do partido, os electores verán os militantes con receo, como gardiáns ortodoxos dunha crenza que os segundos entenden inquebrantable e os primeiros demasiado inflexible.

A bifurcación que se lle plantexa ó BNG agora, como tras cada Congreso, como tras cada elección que non cumpre coas expectativas dos membros, é unha fundamental, pero que se cadra non chega en tempo. Que a decisión de mudarse nun partido e abandonar o modelo frontista é unha reducción na capacidade de fiscalización da Executiva, dista de ser obvio: o trance só será doroso para as correntes de opinión que monopolizan agora a capacidade de reemplazar ó líder, pero dará unha flexibilidade adicional ó voceiro/candidato que é indispensable nunha organización que pretende convencer electoralmente. Do que non teño dúbida é de que o lider debe ser responsable directamente ante os militantes, e os militantes pola súa banda deben internalizar que calquera movemento que independice ó lider, inexorablemente moderará ó partido: foi a lección que o partido verde irlandés ou o alemán aprenderon con non pouco sufrimento no 2000. Un partido que goberna, ou que pretende gobernar, precisa enfrontarse ós electores e eso require afastarse da validación constante que os intrincados xogos de alianzas que supoñen as asembleas faccionalizadas. Mentres cada facción sexa un equivalente a un partido, o espacio de movemento do lider se verá restrinxido de máis. Mentres reemplazar ó lider sexa unha habilidade delegada nun grupo que se sabe con maioría, o candidato non terá posibilidade de comportarse como office-seekers, esa man invisible que permite a representatividade. O modelo de coalición electoral, supón unha ameaza clara, directa e crible dunha facción organizada, que non sempre dos seus membros, e acentúa as loitas intestinas que desvían o partido do que eu, como pasivo das súas políticas querería: que me intenten convencer a min. A tensión entre ser accountable ós seus membros e ós seus votantes se inclina decididamente cara dentro. Lamentablemente eso constitúe unha renuncia a perseguir ós votantes que, en última instancia, é o que manten engraxado o sistema democrático representativo.


ADVERTENCIA

12, Xullo, 2009

Despois de tres días intrigado polos resultados (demasiado raros) dos dous últimos posts volvín revisar o código que usei para crealos. Obviamente había un erro grave que afecta radicalmente ós resultados. Correxirei as entradas durante a tarde.

Update: as entradas anteriores xa están corrixidas.


Ideoloxía ou nacionalismo?

10, Xullo, 2009

A cuestión dos trade-off entre nacionalismo e ideoloxía que mencionaba na última entrada, me motivou para replicar as análises que fixo un amigo meu sobre Cataluña con datos galegos. A cuestión é a seguinte: cal das dúas dimensións pesa máis na decisión de voto? Dende os supostos do modelo espacial do voto (o modelo downsiano de toda a vida), a predicción nunha única dimensión é clara: votarei polo partido que considere que está máis preto de min. Con dous partidos, un localizado no 4 e outro localizado no 6, se eu me localizo no 3, o máis probable é que vote polo primeiro partido. So simple, so good.

Con dúas dimensións e tres partidos a predicción no está de todo clara e dependerá en boa medida do peso que o votante lle outorgue a cada dimensión. En términos prácticos a cuestión ven sendo doada: con dous partidos, un un chisco máis afastado na dimensión ideolóxica e outro na dimensión nacionalista, por cal optarei? Hai moitas alternativas de enfrontar a pregunta con datos de enquisa pero seguramente a máis doada é estimar un pequeno modelo que prediga a decisión de voto condicionada ás distancias subxectivas nas dúas dimensións entre un votante e cada un dos partidos.

Os resultados, repetindo o modelo para cada unha das provincias (cos datos das preelectorais das autonómicas do 2009 no CIS-2783), pode verse mellor que na táboa de coeficientes, neste gráfico. Nel aparece a probabilidade de votar por un determinado partido condicionado ó cuadrado da distancia en cada dunha das dimensións. En vermello, a distancia na dimensión nacionalista; en negro, na dimensión ideolóxica.

conditional

Que a probabilidade de votar por un partido decreza coa distancia en calquera das dimensións é tranquilizador (aínda que parcialmente conducido polos supostos dos modelos que estimei). O rechamante é o feito de que, salvando para Lugo, a distancia na dimensión nacionalista se penaliza moito máis rápido que na dimensión ideolóxica. Poñamos o caso de Ourense: a probabilidade de votar a un partido é máis ou menos independente da distancia ideolóxica, pero a medida que o partido se vai afastando de nós na escala nacionalista, a probabilidade de votar por el decrece de contado.

O modelo para toda Galicia en conxuto é moi semellante ó que aparece para A Coruña: os votantes están dispostos a grandes sacrificios na escala ideolóxica por pequenos incrementos na dimensión nacionalista. Os resultados son rechamantes cando se comparan co que acontece en Cataluña onde a relación entre as dimensións é exactamente a contraria: a distancia ideolóxica é máis castigada que a distancia nacionalista para o mesmo tipo de eleccións que analizo neste caso.

Chega o momento das preguntas. Por que acontece esto? Resulta agora que, contra todas as expectativas, o votante galego é moi inmóvil nunha dimensión, a nacionalista, na que se outorga a si mesmo valores medios relativamente moderados? Se o votante galego se declarase moi nacionalista nas enquisas políticas, podería ter sentido este resultado, pero dende logo non parece compatible co que sabemos sobre a súa identificación. Food for future thought.


Primeiros descriptivos (e III)

5, Xullo, 2009
Porque un café ben vale un par horas de traballo, estiven fedellando nos datos do estudo 2783 do CIS (preelectoral das autonómicas galegas do 2009). Todos sabemos os problemas das enquisas antes das eleccións, e o que é máis importante, se as campañas tiveron algún resultado, é natural que as preelectorais teñan certos sesgos sistemáticos. Ademáis, no caso galego as enquisas do CIS tenden a sobre-estimar o voto ó PP: moitos votantes do PP non se declaran como tales (o que non está totalmente claro é que declaran: se minten ou se se declaran NS/NC. Aínda ninguén me convenceu de que é un problema da mostra). Por aquelo de evitar demasiadas orixinalidades, repetín os gráficos que xa fixera para as eleccións do 2005 pero sendo un chisco máis coidadoso.

conxunto

En primeiro lugar, a posición outorgada a cada partido electoral por parte dos votantes dese partido nas dúas dimensións (nacionalista e ideolóxica). O gráfico repite en boa medida os resultados que xa coñeciamos. Non hai nada novo baixo o sol. O PP volve ser, para os votantes, un partido fundamentalmente de dereitas pero teñen menos claro eso de onde se localiza no espectro nacionalista e así aínda temos quen o considera un partido moi moderado e quen o considera absolutamente centralista. Quizais o único cambio se deba en que agora o PP ten un pouco máis de penetración na zona moderada da ideoloxía. Feijoo parece que tivo certo máis efecto nas posicións ideolóxicas ca nas nacionalistas. Lembremos que esta é a posición que lle outorgan os seus propios votantes: a diverxencia interna é moi rechamante. Con respecto ó PSOE si que non hai nada diferente. Para o BNG o maior cambio se debe se cadra á densidade no grupo de votantes que o localizan como nacionalista moderado. Vendo soamente o gráfico, o BNG se ten radicalizado, se ben non está claro que sexa un resultado estatísticamente sostible (esto comprobareino máis tarde).

posicion_propia

Agora que temos localizados ós partidos, onde se ven os votantes? Pois aquí a cousa é máis divertida. No PP e no PSOE vemos exactamente o mesmo patrón que viamos no caso da localización dos partidos. No PP o partido é un partido bicéfalo e bicéfalos son os seus votantes. O PSOE ten votantes que se declaran moderados na escala nacionalista, pero aínda se ven polo xeral no centro do espectro, que é onde viamos ó partido. O único rechamante aquí é o feito de que tanto os votantes do PP como os do PSOE se consideran os posuidores do centro político nas dúas dimensións e únicamente un punto nunha escala de 9 fai toda a diferencia. Non deixa sen embargo de ser curiosa a repetición do patrón do PP aínda que con moita menos intensidade: o partido representa a votantes que se declaran na metade inferior da escala nacionalista, é dicir a nacionalistas moderados e a non-nacionalistas extremos. O do BNG é outra melodía: os seus votantes se consideran de esquerdas, si; tamén son nacionalistas, si, pero parecen selo menos que o partido, polo menos no sentido de que a maior parte dos seus votantes se localizan no 8 ou posicións máis moderadas, mentres que o 10 queda reservado para unha minoría. Vexámolo mellor no seguinte gráfico, que recolle a distancia percibida co partido nas dúas dimensións que estamos estudando (autoubicación – ubicación outorgada):

distancias_sub

Temos abondosa literatura falándonos de sesgos de posicionamento pero en xeral non deberían ser grandes. Os casos do PSOE e do PP en Galicia son representativos desta situación. Os votantes se aliñan co partido na dimensión ideolóxica e consideran que o partido é un chisco máis nacionalista ca eles, pero as diferencias son case desprezables: o groso dos votantes orbita a non máis de 3 puntos en calquera dimensión da posición que lle outorgan ó partido. O máis curioso é, sen dúbida o feito de que a variación sexa maior na escala nacionalista que na ideolóxica pero non deixa de ser simétrica. O BNG respecta estas pautas pero si que é certo que a sua variabilidade é maior, con votantes que din localizarse ata a 4 puntos do partido na escala nacionalista. Un patrón semellante o atopamos nos outros dous partidos, pero o BNG presenta un grupo de votantes que non teñen unha representatividade perfecta nas dúas dimensións. É dicir, os que están afastados do PP ou o PSOE nunha dimensión, atópanse cómodos co partido na outra dimensión. Os votantes do BNG poden sen embargo ao seu partido demasiado á esquerda e é demasiado nacionalista ó mesmo tempo.

Non teño ningunha inquedanza sobre se os partidos “deberían moverse ou non” detrás dos seus votantes, pero si que me chama a atención a peculiar relación dos votantes do BNG co seu partido. O grupo que entende que o partido é máis radical que o votante nas dúas dimensións é dende logo o caladoiro electoral de calquera outra alternativa que ocupe o espacio da esquerda moderada nacionalista. O PSOE pode estar incapacitado por atacar ese segmento polo propio feito de que se trata dunha delegación dun partido nacional que ademáis, ten a chave da organización territorial do Estado e que agora mesmo está no goberno: a capacidade de manobra da súa marca en Galicia está por tanto seriamente restrinxida, a non ser que o PSdeG obteña unha independencia de facto de Ferraz, e máis importante, sexa quen de presentarse ó electorado como tal. En todo caso, cos resultados electorais na man, ese caladoiro non parece suficiente para gañar eleccións, e menos aínda agora que o BNG volve ser a terceira forza política (coa que é imprescindible contar en calquera nivel institucional para garantir a gobernabilidade).

As preguntas que me xorden neste caso son as naturais: como é compatible o primeiro gráfico con este terceiro? Como é sostible unha situación na que tódolos votantes se sinten representados pero sen embargo existe tal discrepancia na localización dos seus partidos de referencia. O caso do PP é verdadeiramente rechamante: todos os votantes están aliñados co partido, e sen embargo o partido representa posicións (5, 5) e (10, 1) ó mesmo tempo. Por suposto, as disonancias cognitivas son reducidas ó extremo por parte dos votantes, pero non deixa de ser particular a relación de representación que presenta o PP. Ante que votantes está sendo realmente accountable? Como é posible que tódolos seus votantes teñan razón na localización do partido? Como é posible a estabilidade a medio prazo desa estratexia? Pode que a presencia de TEGA ou UPyD poida alterar a relación votante-partido no caso do PP especialmente para o seu grupo de nacionalistas liberais, aínda que a compoñente estratéxica fai pouco razonable que en realidade se produza unha fuxida masiva de votantes cada algunha destas opcións políticas (por non falar de outras dimensións lonxitudinais á competición). En calquera caso, non deixa de ser un obxecto politolóxico dun enorme interese.

O outro extremo está representado polo BNG: os votantes recoñecen a posición do partido nunha esquina do espectro, pero non todos eles parecen sentirse cómodos con esa localización. Poida que esta disonancia entre partido e votantes sexa parte da explicación do castigo electoral ó BNG ou, en xeral ó bipartito, toda vez que no 2009 o electorado se enfrontou ás accións e non só ás promesas electorais dos frontistas.

O cleavage que parece realmente claro é o nacionalista. Os votantes non estan cómodos coas posicións adoptadas polos seus partidos en ningún dos tres casos e o que é máis interesante, a diverxencia na ubicación dos partidos nesa dimensión é realmente rechamante. Sería absurdo predicir unha fractura do sistema partidista ó longo da dimensión territorial a curto prazo, especialmente cando partidos como UPyD, que son quen poden acaparar votos no sector menos nacionalista do PSOE ou do PP, non teñen tido unha entrada demasiado clara no sistema político galego. En calquera caso, o partido si que conta cunha vantaxe clara para a competición: a súa indefinición no espectro ideolóxico. Os votantes de UPyD se localizan en ambos extremos da escala ideolóxica e eso lle pode permitir ó partido atacar os frontes caracterizados por un baixo nacionalismo dos dous grandes partidos nacionais. Que esa indefinición sexa posible tras, digamos, outros comicios electorais de primeira orde ou que os votantes se vaian mobilizar pola inconformidade na dimensión nacionalista (facendo sacrificios na dimensión ideolóxica é o que está menos claro).


Ideoloxía ou resultados?

5, Xullo, 2009

Eu non quería, pero os rapaces malos me forzaron a botarlle un ollo á enquisa poselectoral do CIS. E non quería porque non me gusta ler as táboas que o CIS escolle. Desta, ademáis, a enquisa é longa. Demasiado, na miña opinión. Sen embargo, visto que o exército de opinólogos xa sacou o coitelo non me queda máis remedio que loitar coas miñas reservas sobre os datos agregados para comprobar se estou de acordo cos primeiros espadas.

Pese ao que teño lido por aí, aínda non vin nada sorprendente nos resultados da enquisa. Os votantes dos partidos incumbent foron os que marcharon máis á abstención. O descontento coas políticas reais dos partidos no goberno non debería chamarlle a atención a ninguén, e menos cando un dos partidos non ten experiencia previa no executivo. Máis curioso resulta que moitos dos que optaron por non pasar o domingo polo colexio electoral decidisen usar a abstención como forma de expresión durante a campaña. Son poucos os electores que temos nesta pregunta, pero me resisto a crer que non é indicativo: como pode ser que un 60% dos desencantados lle xurdan ó BNG durante as dúas derradeiras semanas de competición? A primeira resposta pasa, obviamente, por unha deficiente planificación da estratexia de comunicación do partido. A outra, por algo máis profundo: a identificación dos votantes co BNG é aínda feble. Aquí ten certa razón Calidonia cando manifesta as súas dúbidas sobre o éxito que tivo o movemento estratéxico do BNG cara as posicións moderadas do espectro. Eses votantes son moi volátiles e teñen pouco reparo en saltar ó PSOE. De certo que a proximidade nas escalas de ubicación nacionalista e ideolóxica entre os dous partidos teñen moito que ver nesto. Queda por ver a autoubicación destes swingers, pero o feito de que sexan tan susceptibles á campaña fala de que son votantes en disputa aberta.

Algunhas pistas poden posicionar o debate. Os votantes do BNG son máis crueis co bipartito do que xa son os votantes do PSOE. Son votantes do partido pequeno da coalición e pode ter lóxica que se sintan decepcionados pola primeira presencia do BNG no executivo. A diferencia entre a valoración “Boa” entre os votantes do BNG e do PSOE non pasa do 7% pero é un indicativo do desencanto co BNG. Eso por moito que despois salven lixeiramente as apariencias dicindo que están máis desencantados con Touriño que con Quintana. O preocupante é que aínda con eso os votantes do BNG aproban a Quintana menos do que os votantes do PSOE aproban a Touriño e, o que resulta aínda máis curioso, desaproban menos a Touriño do que os votantes do PSOE desaproban a Quintana. Por outra banda, véxase a pregunta 19 sobre a opinión do propio partido durante a campaña: aínda contando co tamaño da mostra, a imaxe do BNG empeorou para os votantes do BNG máis do que lle ocorreu ós votantes de PP e PSOE con respecto ó seu partido. De seguro que todo esto se debe ou bulk de votantes do BNG que se posicionan nos sectores moderados do partido nas dúas dimensións e que polo tanto conducen o descontento nos datos agregados.

Estas duas observacións me xeneran a seguinte imaxe que quero contrastar cos datos. O PP é unha marea viva que ocupa todo o que non é a esquerda política. Por outra banda o PSOE é una masa concentrada na moderación. O BNG ten unha imaxe clara como partido nacionalista e de esquerdas, se ben o grado de extremismo nas dúas posicións está aínda pouco clara para os seus votantes. Esto sabémolo e o que é máis, é a situación que cabería esperar con tres partidos no xogo político. Hai, non obstante, un elemento clave que desestabiliza a estratexia dos actores: o PP é un partido, o BNG é unha coalición. O PP fideliza os seus votantes e o BNG semella que ten máis problemas para conseguilo. Unha resposta obvia é que o BNG compite co PSOE na esquerda mentres que o PP ten toda a dereita para el so. Unha vez que introducimos a dimensión nacionalista o argumento deixa de estar claro: o PSOE compite co PP polos autonomistas, e co BNG polos votantes de esquerda moderada. Sen embargo, aínda que queda por comprobar o peso relativo de ambas dimensións na decisión de votar, parece que os datos apoian indirectamente a primeira observación: os equidistantes entre PSOE/BNG son un terreo moito máis competido que os do PP/PSOE. Segundo esto a parte do león a leva a ideoloxía e non o nacionalismo.

A observación non é nova e hai unha chea de variables conxunturais afectando nestas eleccións que igual non as convirte na situación óptima para testar a hipótese (e ata ver os datos individuais non me arrisco a nada), pero debería ter ás cabezas pensantes do BNG un chisco máis atentas á estratexia de longo prazo do partido. A tensión entre a UPG e os votantes do partido tense resolvido favorablemente para os intereses electorais da coalición (e Beiras aquí foi a chave), pero ese éxito corre o risco de esvairse se o BNG non se ata as mans para evitar unha volta atrás na sua busca do votante moderado. O que vimos nestas eleccións pode estar conducido polas expectativas que os votantes dos incumbent puxeron no bipartito pero dende logo, o que parece claro é que a frustración desas expectativas puxo en marcha un mecanismo subxacente: o BNG ten que ancorarse no espectro político xa. O votante moderado do BNG fuxiu do partido en canto o programa electoral tivo que porse en funcionamento, foi moito máis crítico que o resto dos votantes co seu partido e queda por comprobar se ten intención de outorgarlle outra vez a súa confianza. Se eso se debe a desencanto coa xestión aínda hai esperanza para o BNG (o tempo o cura todo), se en realidade se sinten agraviados polas políticas postas en marcha polo partido, que virían a reflectir a distancia entre o núcleo do partido e os seus novos votantes, os problemas do BNG comezan xusto agora.


Medidas de competitividade electoral

28, Xuño, 2009

Un problema ó que lle levo dado algunhas voltas últimamente, por aquelo de manter a cabeza entretida, é ó tema de medir a competitividade nun distrito electoral. A doada que pareza a primeira vista, ten o seu aquel e o que é máis importante, ten una importancia capital nos estudios electorais e de Economía Política. Respostar unha pregunta como “estiveron moi competidas estas eleccións?” dista de ser trivial en canto nos movemos do caso particular con dous partidos ou do FPTP. Ai, con coller a diferencia en votos entre “gañador” e “perdedor”, xa temos todo feito. Sen embargo, pensemos en trasladar este esquema a un PR e empecemos por identificar ó “gañador”: nun modelo przeworskiano de Democracia, o partido gañador é o que forma goberno. Sobre esto pódese discutir tanto como queiran os contertulianos, pero desgraciadamente son testán e non me ides sacar de aí. Non obstante, claro teórico como é, tampouco nos faltan exemplos de casos nos que o partido no goberno ten menos votos ou menos escanos que algún dos partidos na oposición. Por outra banda, quen é o “perdedor” mesmo é máis complicado: perden todos aqueles que non forman goberno. E como medimos a distancia dun gañador a un conxunto de perdedores. E se no canto de un gañador temos unha coalición de gañadores? Poñamos aquí longuísimo etcétera porque coido que xa está claro por onde vou.

Na literatura de Política Comparada americana, tendíase moito a empregar a diferencia de votos entre primeiro e segundo partido (ordeados por número de votos ou, como moito, entre “incumbent” e segundo partido máis votado). Non é que non fose conscientes de que esa medida deixa moito que desexar en distritos grandes (ou máis en xeral, canto máis nos achegamos á proporcionalidade) pero 1. non hai alternativas que dean lugar ó milagro teórico de unificar tódolos sistemas electorais nunha única escala (amigos teño traballando neso) nin 2. ás medidas propostas son doadas de implementar nun estudio empírico. Por testán (enfatízoo por segunda vez) e impulsivo, me neguei ata hai 20 minutos a aceptar estes dous problemas e, aproveitando que rematei de construir a base de datos para un artigo que estou a escribir, me puxen a programar un par de funcións para calcular a competitividade nos municipios galegos nas eleccións de 2007. Usei catros medidas que se están a estandarizar na literatura.
  1. A diferencia de votos entre o primeiro e o segundo partido máis votados (en logaritmo), como medida de referencia.
  2. A diferencia en votos (en logaritmo) entre os que garantiron o último escano concedido no distrito e os do seguinte partido que podería ter obtido ese escano (o que se denominan os “últimos restos”). Neste exercicio, modifiquei a definición e tomei os votos que lle farían falla ó “incumbent” para lograr outro escano máis ou para perder o derradeiro concedido (no caso de que lle fose concedido). É dicir, a mesma medida pero referenciada ó partido no goberno.
  3. A redistribución mínima de votos (supoño proporcionalidade con respecto ós votos obtidos) que farían que o “incumbent” gañase un escano adicional/perdese o seu derradeiro escano.
2. e 3. parecen de feito moi semellantes. (se non cho parecen, igual é o momento de revisar a Lei Electoral). De feito, tal e como implementei as definicións, en 2. mido os votos para gañar (perder) o derradeiro escano no caso de que o “incumbent” non obtivese (obtivese) ese escano. A primeira vista parece unha combinación das dúas medidas definidas en 3. Pois cal non será a miña sorpresa cando vexo esto:

medidas_competitividad

As cores representan as provincias (visto que non hai patrón ningún, non paga a pena detallalas) e “Votos L” (“Votos W”) representan a redistribución de votos que farían que o incumbent perdese (gañase) o seu derradeiro escano (un escano adicional). Si, non fai falla moita habilidade estadística para decatarse de que non hai relación ningunha entre as catro medidas. Que non a houbese entre algunha das medidas teóricas (aquelas que proveñen da regla electoral) coa diferencia de votos entre partidos non sería preocupante, mesmo sería unha boa nova. Pero, que non a haxa entre tres medidas teóricas, xa molesta un chisco máis (e non o digo porque leve dous dias perdidos corrixindo as funcións para esto).

Obviamente, un non tería por que esperar algo máis alo do que sae nos gráficos da dereita: que os últimos restos estan relacionados coas medidas L e W. Máis aínda, esperar esa relación sería non ter pensado demasiado (que é o que me pasou a min) entre as diferencias teóricas entre 2. e 3: mentres 3. inclúe un contrafáctico sobre a redistribución dos votos de diferencia entre os últimos escanos, en 2. tomamos esa medida como se os votantes que os emitisen simplemente desaparecesen. Dito de outro xeito: en 3. estamos na obriga de especificar un mecanismo para o voto estratéxico (non é posible falar de competitividad nun distrito sen ter en conta o feito de que a regla electoral afecta ó comportamento electoral). Neste caso, a redistribución proporcional non semella unha magnífica idea (máis plausible resulta pensar teóricamente nunha concentración ben nos partidos grandes, ben nos partidos pequenos).

Ese é o elemento clave. A competitividade esixe unha especificación dun contrafáctico, “de poderse repetir as eleccións, que terían feitos os cidadáns?”. Polo menos é así dende o momento en que especificamos a competitividade ex ante, esto é, tendo en conta que os cidadáns reciben proxeccións de voto do entorno e polo tanto poden adaptarse ós resultados “esperados” (esta última noción é un chisco complicada, pero a intuición parece clara). Con todo, esta superioridade teórica das medidas L e W sobre os últimos restos é continxente ó uso da medida de competitividade e non lle é intrínseca. É dicir, é unha superioridade ex ante, non ex post. Noutras palabras, L e W deberían ser medidas axeitadas para estudios que inclúan as expectativas dos votantes diante dunhas eleccións por suceder. Os últimos restos, por outra banda, responden mellor á pregunta plantexada ó comezo, esto é, sobre unhas eleccións que xa sucederon. Por desgraza, o segundo a penas ten interese analítico. So simple, so good.


Primeiras preguntas (e I)

2, Marzo, 2009

Logo dos resultados de onte as reflexións que compre facer/preguntas que compre responder (coma sempre, todas desapaixoadas):

1. Fálase moito de dous motivos para o castigo ó bipartito. Dunha banda, que ningún dos dous partidos foi quen de desintegrar as redes clientelares formadas na anterior lexislatura e, máis aínda, que foi notorio que tiraron proveito das mesmas estratexias (o concurso eólico sería outra manifestación máis). Doutra, que o PSOE pagou a incapacidade para crear un goberno unido e foi fiscalizado por ter permitido ó BNG ter implementado políticas que o sector moderado do PSOE (ese que pode migrar de súpeto ó PP) non acepta. A imaxe de división na Xunta non tería sido tanto o problema como o feito de que o PSOE non deu a sensación de ser o socio maioritario. CONXETURA: Ante a imposibilidade de conseguir un goberno do PSOE en maioría e o medo dunha reedición do bipartito nas mesmas condicións os electores menos nacionalistas do PSOE ou se abstiveron ou ben optaron por outras forzas políticas (PP, TEGA, UPyD). Sen o CERA o PSOE está a 70.000 votos do seu resultado do 2005, mentres que o PP xa o igualou (se se repetisen os resultados CERA do 2005, o PP gañaría 50.000, e o PSOE perdería 26.000 en total).

2. O BNG perdeu 40.000 votos. Co voto CERA eso podería representar uns 35.000 menos. Salvo un cambio radical nos patróns de voto do CERA, pode considerarse o partido máis castigado. O bipartito lle fixo máis dano e é pouco crible que fose por ter moderado as súas políticas. De feito, na pre-electoral do CIS o BNG só retén un 66% dos seus votantes do 2005 e de feito, un 18% dos seus indecisos dubidan entre o BNG e o PP. O 40% dos antigos votantes do PSOE que dubidan entre o PSOE e o PP poden explicarse co dito en 1., pero como explicar ese salto mortal entre un partido de esquerda nacionalista e un partido de dereita autonomista?

3. UPyD e TEGA tiveron unha entrada case triunfal. Pero soamente “case”. TEGA quedou no 2’42% na única circunscripción na que podería ter representación (A Coruña), mentres que UPyD capitalizou 23.000 votos coa vantaxe de xogar en tódalas provincias. Aínda que superou a un clásico coma EU-IU, aínda está lonxe de representar unha perigo de desestabilización do sistema de partidos galego. En tanto que os seus votos poderían provir de antigos abstencionistas, votantes do PP desencantados coa situación xeral do partido e votantes do PSOE que castigan ó incumbent tanto por 1. como por terse movido demasiado no eixe nacionalista (aínda que os datos do CIS non parecen apoiar esta hipótese: os votates do PSOE parecen considerarse máis nacionalistas có propio partido), non da a impresión de que estean formando un niño electoral, senón capitalizando descontentos (mágoa que o CIS non detalle nada sobre eles). En todo caso, son os votantes de TEGA e UPyD swingers que volverán ós seus partidos de referencia nas vindeiras eleccións?

4. A demisión do líder do PSOE e o feito de que o PP conseguise maioría absoluta poden facer pensar nun movemento de esquerda a dereita no electorado, aínda contando cos problemas internos do PP nos últimos meses. Non obstante, compre lembrar que o PSOE se enfrontou ás eleccións en plena crise económica cunha taxa de paro non vista dende primeiros dos anos 90 e con poucas perspectivas optimistas. Os efectos alleos á política galega foron moi rechamantes como para pensar que non exerceron influencia ningunha. De apostar por unha contaminación das eleccións, como é que o PP foi quen de evitar o castigo? Por unha banda, poderiamos pensar na capacidade do PP galego para distanciarse da imaxe do PP madrileño (se ben a forte presencia de Rajoy pode ter efectos contradictorios nesta dimensión). Por outra, Feijóo conseguiu que a súa corentena durante estes últimos 4 anos limpasen a imaxe dun PP asociado á corrupción é o caciquismo, ó tempo que o BNG padecía un castigo por eses mesmos pecados (máis aínda cando o BNG pretendía representar un cambio nas “tradicións políticas galegas”).

5. A participación, a falta do voto CERA é sorprendentemente alta, aínda que non chegará a histórica. Se cadra, o máis salientable e que non se produciu unha desmobilización polo desencanto co PSOE e que polo tanto se revertiu a tendencia na que unha alta participación favorecía as esquerdas. Podemos pensar por tanto en que foron os votantes do PP desilusionados no 2005 e que aproveitaron a oportunidade este ano para por fin ó bipartito os que empuxaron máis a participación.

6. As enquisas fallaron terriblemente e infraestimaron votos e escanos para o PP. Estamos ante un problema de voto oculto ou simplemente ante unha mala tecnoloxía de predicción? De feito, o aumento da intención voto ó PP durante a campaña pon varias preguntas sobre a mesa sobre o auténtico efecto da campaña. De entrada: foi unha boa estratexia a política de non-agresión do PSOE? Tería sido crible calquera outra opción? Que efecto podemos esperar dunha campaña tan gris coma a que presenciamos? Mobilizou a votantes do PP ou desmobilizou a votantes do BNG/PSOE? Foi a campaña que produciu un trasvase de votos ou simplemente atenuou o voto oculto?

Aínda teño algunha cuestión máis, pero teño clase nun anaco! En todo caso, o que seguro que teño son unhas ganas de botarlle a man ós datos individuais do CIS…


Ninguén cre nos datos agregados

22, Febreiro, 2009

Levo case todo o día dándolle voltas a unha base de datos que me construín para un pequeno estudio sobre voto e xeografía. Todo máis ou menos vai ben, pero chegado a un punto teño que interpretar con datos agregados a mobilidad entre partidos políticos a nivel municipal. Obviamente, a pouco que un visualice unhas eleccións municipais, a empresa parece destinada ó fracaso. Sen embargo, despois dun anaco mirando táboas, me chamou a atención algo, máis como curiosidade que como algo a analizar.

Se collo as correlacións entre a diferencia de votos entre dous partidos entre 2003 e 2007 para o conxunto dos municipios galegos, o que obteño é:

PP-PSOE: -0.1116
PSOE-BNG: -0.1907
PP-BNG: 0.0077

O primeiro a notar é o feas que son as táboas de HTML. Máis alá disto, que os valores sexan baixos se pode explicar pola mobilidade entre partidos e porque, no fondo (triste, si) os datos son agregados. Non obstante, é “rechamante” o valor tan baixísimo entre o PP e o BNG. En realidade é bo sinal, xa que nos gráficos dos posts anteriores vese ben que a probabilidade de saltar do PP ó BNG é baixa (cuns datiños individuais resulta que do BNG ó PP non o é tanto, pero con tan poucos casos non é algo de fiar). Con eso un pode pensar: “vaia, aínda con datos agregados pódese ver algo consistente co que sae nos datos individuais”. Metidos nesa faena, podemos seguir e pensar que o dato entre PSOE-BNG reflicte que son eses dous partidos os que máis votantes se disputan (no sentido de que teñen as maiores taxas de transferencia). Novamente, parece ir de acordo coa intuición.

Pois ben, seguindo con ese exercicio, a correlación por provincias é moito máis divertida:BNG-PSOE,

A Coruña: -0.1272
Lugo: -0.4102
Ourense: -0.1619
Pontevedra: -0.2899

Xuro que non truquei o dato de Lugo. Sí, un 40%. Claro, despois un mira

PP-PSOE,

A Coruña: -0.0487
Lugo: -0.0029
Ourense: -0.2529
Pontevedra: -0.0777

Os datos agregados, outra vez, son o que son, pero un 40% de relación en Lugo non é normal. E non, non é un problema da mostra (son os datos dos resultados electorais).

Véndolle ademáis ese 0.2% entre PP e PSOE un se sinte tentado a empezar a pensar nunha xeografía da competición electoral, na que Lugo é terreo de disputa entre a esquerda (Pontevedra podería entrar neste grupo), mentres que Ourense é unha transición entre os dous bancos ideolóxicos. Dende logo non é nada demasiado sorprendente pero vaia, que os datos agregados o cheguen a reflectir, non deixa de abraiarme. Terei nalgún momento que interpretar estas relacións cun chisco máis de sentidiño, pero eso para cando teña datos adecuados para este tipo de exercicios. Polo de agora deixoo anotado para retomalo no futuro, que agora teño fame e quero cear.


Primeiros descriptivos (e II)

25, Xullo, 2008
Tal e como funcionan as cousas, ter unicamente os datos dos votantes non serve de moito se non sabemos onde andan os partidos (obviamente a posición duns e doutros está intimamente relacionada, pero por agora esto non importa moito). No gráfico de máis abaixo veredes un mapa de contornos da ubicación dos tres grandes partidos nas dimensións ideolóxica e nacionalista feita tal e como o perciben os votantes de cada partido (e desta, rotei o plano). Non é que cambie grande cousa con respecto a facer que todos os votantes posicionen a todos os partidos, pero aínda que non por outra cousa, aquí haberá menos variación e se verán mellor as cousas (xa vedes que nin así, pero vaia).
Sorpresas? Ningunha. Os partidos se aliñan nas dúas dimensións como cabería agardar aínda que o da extraordinaria variación na dimensión nacionalista do PP é rechamante, como pouco. Que haxa incertidume na localización do partido ó que votas, pase porque no fondo entre estratexia e falta de información me preocuparía calquera outro resultado, pero que haxa xente que os sitúa en puntos tan distantes… Ningún votante o posiciona máis alá do 5 en ideoloxía, pero chegados a pólos no plano nacionalista, meu home, aí as cousas parecen pouco claras. Outra cousa curiosa é o enorme espazo de overlap entre PSOE e BNG. Non é moi informativo polo de agora, pero aposto a que aí hai truco.Mirando un pouco cara o futuro, me resultan curiosas as catro cumes que ten a distribución e que están máis centradas que a posición media dos partidos. Por suposto, en tanto que están na zona común entre dous partidos non cabe facer moita interpretación polo de agora, pero, vai que resulta tentador facer unha lecturiña deso? De entrada, cun grafico separado para cada partido, que sempre é máis informativo (hai varias pegas, como que o do medio sexa un chisco máis grande, pero é que aínda hoxe me iniciei en lattice):

Agora se ve mellor, non si? O do PSOE é o que todos agardaríamos: unha pico con toda a masa no medio. O BNG, pero sobre todo o PP, son bichos raros neste sentido. A meseta do BNG difire sobre todo na posicion ideoloxica pero podemos pensar que se trata unicamente dun cume amesetado. No do PP hai claramente dous máximos moi marcados que difiren sobre todo no nacionalismo que lle outorgan ó partido, velaí a “manobra Fraga”. Para un dos grupos o partido é un chisco máis centrista pero sobre todo “rexionalista”, para o outro, o partido é o clásico partido conservador centralista. Mesmo temos un grupiño no (10,1) que, para que enganarse, dá medo.
Entón para que servía o outro gráfico?:

1. Para comprobar que o espacio ocupado polos tres grandes partidos anega a diagonal do espectro.

2. Para ter claro que as medias de localización poden non ser demasiado útiles.

3. Para que eu poida prácticar co dos gráficos, que tamén me compre.


Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.